Entrevista a Daisy Alcalde Monteagudo

Daisy é axente de igualdade, mestra e activista. Na docencia é especialista en educación primaria e música aínda que a súa maior experiencia é con rapazada con TEA (Trastorno do Espectro Autista). A educación e a igualdade na diversidade son os piares dos seus traballos. Tamén foi mestra no C.E.I.P Heroínas de Sálvora.

Ten formación en xénero e educación sexual así como experiencia traballando en distintos proxectos feministas (obradoiros, charlas, creación de materiais educativos, debates, ciclos de cine, puntos lila, etc.). Colabora nun grupo de investigación da UVigo sobre menores e violencia de xénero dende o ano 2017, presidenta da asociación feminista O Soño de Lilith dende o 2012 e tamén participante noutras asociacións ou colectivos dende onde realiza ese activismo que tanto precisamos. Ademais de facer loita de rúa, tamén se realizan proxectos nos centros educativos, obradoiros e outras moitas actividades.

Información sacada de: http://consellodacultura.gal/persoa.php?id=23223

1º Por que te fixeches axente da igualdade?

Dende pequena souben que me interesaba a igualdade e na adolescencia coñecín o feminismo. Este movemento que loita pola igualdade real e a favor da diversidade foi un eixe central na miña vida. Cando rematei a carreira tiven claro que, ademais do activismo, necesitaba formación en igualdade e estudei o máster e diferentes especialidades sobre o tema. Ser axente de igualdade é un traballo fermoso porque estás traballando con rapazada ou persoas adultas un tema que é fundamental para vivir en liberdade. Gústame realizar diferentes proxectos e podo combinalos co meu traballo como docente. 

2º Cal foi o teu proxecto favorito?

Cada proxecto que facemos é especial. De todos aprendo algo, pero seguramente os que máis me gustaron foron nos que diseñamos material de igualdade, logos e campañas ou os traballos nos coles. Se me teño que quedar con un, escollería “Festivala: mulleres creando” que non é un festival ao uso, é toda unha reivindicación que visibiliza as mulleres creadoras, unha crítica a eses festivais onde elas ocupan un segundo plano. En Festivala hai música, cine, artesanía, emprendemento, arte… Cando comezamos con este proxecto, no 2016, a representación de mulleres en festivais de música era ínfima. Os carteis estaban compostos únicamente por homes. Dende “O Soño de Lilith” démoslle a volta e tratamos de visibilizar a existencia de mulleres realmente boas que non están nos carteis, non porque non existan ou porque non o merezan, simplente porque son mulleres. Dende o 2016 ata agora, grazas a proxectos coma Festivala e moitos outros, algúns festivais de música comezaron a plantexarse este tema e mudaron a súa maneira crear os cartaces. De feito, na última edición do festival Revenidas, un festival moi importante en Galiza, colaboraron con nós.

4º Cando empezaches no mundo da igualdade?

Ainda que sempre tiven inquedanzas sobre o tema, empecei a buscar información e a ler libros aos 14 anos aproximadamente e con 18 xa tiñamos formada a asociación O Soño de Lilith.

5º Ti pensas que algún día alcanzaremos a igualdade?

Non sei se acadaremos a igualdade real pero se botamos a vista atrás, xa podemos ver todo o que conseguimos. Entre todas as persoas alcanzamos moitos dereitos e temos que seguir aí reclamando a igualdade para que algún día sexa posible.

6º Que tipo de manifestacións facedes?

As nosas manifestacións son moi variadas. Temos unha batukada na que facemos instrumentos con obxectos reciclados como latas e cubos. Utilizamos a música como ferramenta reivindicativa e cantamos e berramos letras con mensaxes pola igualdade. En ocasións facemos algunha performance na rúa para que a xente se cuestione algúns temas. Fai un par de anos puxémoslle un mandil a todas as estatuas de Vilagarcía con mensaxes para concienciar sobre o tema dos coidados.

7º Que tratades na vosa asociación?

Na nosa asociación traballamos pola igualdade. Estamos máis enfocadas no feminismo pero traballamos moitos temas. Cada ano centrámonos en un e pode ser dende o ecoloxismo, o antirracismo, a diversidade funcional, o colectivo LGTB… O feminismo ten que ser interseccional, é dicir, temos que tratar e analizar outras opresións sociais para que poidamos ser libres respectando o que nos rodea.

8º Por que tamén elixiches ser mestra?

Dende pequena tiven claro que me gustaba a docencia. Ademais, dende as escolas podemos lograr un mundo un pouco máis xusto.

9º Que tal te sentiches no C.E.I.P Heroínas de Sálvora? Gustouche a experiencia?

Foi unha das mellores experiencias profesionales que tiven. É unha cole moi especial polas súas metodoloxías. Aprendín moitísimo e foi un pracer estar no ambiente de Sereas e no de Editorial. Repetiría sen dubidalo. O profesorado e o alumnado acolléronme moi ben e os proxectos e a súa temática parecéronme moi interesantes. Aguiño é para min, ademais, un lugar moi especial porque é o pobo do meu avó e encántame a súa paisaxe e xente.

Marta Teira 6º A

Comentarios pechados

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

A %d blogueros les gusta esto: